Estratexias de manipulación a través dos medios de comunicación de masas

Estratexias de manipulación a través dos medios de comunicación de masas

Noam Chomsky creou unha lista coas 10 estratexias de manipulación a través dos medios de comunicación de masas que, aínda que só sexa por ampliar os teus coñecementos, resulta interesante coñecer. Este é un breve resumo das diversas ferramentas destinadas ao control social mediante estratexias aparentemente pouco perceptibles.

1. A estratexia da distracción

Consiste en desviar a atención da cidadanía dos importantes problemas e cambios decididos e manexados polas elites políticas e económicas. Elemento esencial do control social, esta estratexia emprega a técnica do diluvio, enchentes continuas de distraccións e información insignificante co fin de evitar que o público se interese polos coñecementos esenciais nas áreas da ciencia, a economía, a psicoloxía, a neurobioloxía e a cibernética.

Obxectivo: Manter a atención pública desviada dos problemas sociais reais, enredada por temas sen importancia real e sen case tempo para pensar.

Citada en "Armas silenciosas para guerras tranquilas".

2. Crea problemas e despois ofrece solucións.

Este método, denominado tamén "problema-reacción-solución"; consiste en crear un problema ou "situación" que se prevé que provoque certa reacción por parte da cidadanía, co obxectivo de que este sexa o instigador das medidas que se desexan adoptar. Por exemplo: permitir que a violencia urbana se propague ou se intensifique, ou organizar ataques sanguentos, co obxectivo de que a cidadanía sexa quen esixa leis e políticas de seguridade aínda a costa da súa propia liberdade. Ou: crear unha crise económica para facer que se acepte como un mal necesario a degradación dos dereitos sociais e/ou o desmantelamento dos servizos públicos.

3. A estratexia da gradualidade.

Para que se acepte unha medida inaceptable, só tes que aplicala gradualmente, gota a gota, durante anos consecutivos. É así como as condicións socioeconómicas neoliberais se impuxeron durante as décadas dos 80 e 90, e persisten a día de hoxe: estado mínimo, privatizacións, precariedade, flexibilidade, paro masivo, salarios que xa non garanten ingresos dignos,... Cambios que provocarían unha revolución se fosen aplicadas dunha vez, son dosificados e reforzados no tempo sen que apenas se produza reacción en contra.

4. A estratexia do aprazamento.

Outra forma de conseguir que se acepte unha decisión impopular é presentala como "dolorosa e necesaria", aínda que non necesariamente "duradeira ou inevitable". Así vaise gañando a aceptación pública, no momento, cara a súa aplicación futura. A todos nos parece máis aceptable un sacrificio futuro que un sacrificio inmediato. Primeiro, porque o esforzo non é inmediato. E segundo, porque o público - as masas- tende sempre a esperar inxenuamente que "mañá todo irá mellor" e que se poida evitar o sacrificio que se require. Isto dálle máis tempo ao público a acostumarse á idea do cambio e aceptalo con resignación como inevitable cando chega o momento.

5. Dirixirse ao público coma aos nenos.

Moita da propaganda dirixida ao público en xeral utiliza discursos, temas, personaxes e unha entoación especialmente infantil, moitas veces próxima á debilidade, coma se o espectador fose unha criatura de poucos anos ou un deficiente mental. Canto máis se tenta enganar ao espectador, máis se tende a usar un ton infantil. Por que? “Se alguén se dirixe a unha persoa coma se tivese 12 anos ou menos, entón, en función da suxestión, esta tenderá, con certa probabilidade, a unha resposta ou reacción como o dunha persoa de 12 anos ou máis novo, e aínda sen un sentido crítico”

Citada en "Armas silenciosas para guerras tranquilas".

6. Utilizar máis os aspectos emocionais que a reflexión razoada.

A explotación da emoción é unha técnica clásica para provocar un curtocircuíto na análise racional e, en definitiva, no sentido crítico do individuo. Ademais, o uso do rexistro emocional permite abrir a porta ao inconsciente para implantar ou inxectar ideas, desexos, fobias e medos compulsivos ou inducir condutas.

7. Manter ao público na ignorancia e na mediocridade.

Facer que o público non poida comprender as tecnoloxías e os métodos empregados para o seu control e escravitude.

"A calidade da educación das clases sociais máis baixas debe ser o máis pobre e mediocre posible, para que a brecha de planificación da ignorancia entre as clases baixas e as clases altas sexa e seguirá sendo imposible de salvar polas clases baixas".

Pois se o ignoras pode non importar tanto.

8. Estimular ao público a ser compracente coa mediocridade.

Empurrar ao público a crer que ser estúpido, vulgar e ignorante... está de moda e inda supón un mérito en si mesmo.

9. Fortalecer a auto culpa.

Facer crer ao individuo que só el é o culpable da súa desgraza, pola súa insuficiente intelixencia, as súas capacidades ou os seus esforzos. Así, en lugar de rebelarse contra o sistema económico ou social, o individuo se desvaloriza e se reprocha a si mesmo, o que á súa vez induce un estado depresivo, cuxos efectos son o desinterese, a desafección e a inhibición de calquera acción reactiva. E sen acción non hai revolución!

10. Coñecer aos individuos mellor que eles mesmos.

Durante os últimos 50 anos, os rápidos avances da ciencia crearon unha brecha crecente entre o coñecemento público e o mantido e utilizado polas elites gobernantes. Grazas á bioloxía, á neurobioloxía e á psicoloxía aplicada, o “sistema” gozou dun coñecemento avanzado do ser humano, tanto na súa forma física como psíquica. O sistema conseguiu coñecer ao individuo común mellor do que se coñece a si mesmo. Isto significa que, na maioría dos casos, o sistema exerce un maior control e poder sobre os individuos, maior que o que o individuo exerce sobre si mesmo.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.